O domingo ás 16.45 os choqueiros disputan a xornada 7 no Novo Municipal

O CD Choco afronta esta xornada 7, en cuarta posición e cun partido menos debido a anulación do previsto na sexta xornada logo dun positivo no plantel redondelá. A pesar de que o resto de equipo deu negativo nos test semanais aos que se someten a golpe de martes tiveron que deixar de adestrar ata este luns. Unhas normas establecidas pola Federación e que o club choqueiro acata estritamente pois consideran que a saúde está por enriba de todo, “só podemos dar grazas porque non houbo máis infectados pola COVID – 19 polo que só desexamos recuperar ao compañeiro canto antes” coméntanos Caloi, xogador que falamos esta semana. Eso sí, non nega que “temos moitas ganas de voltar a competir”.

E así o farán esta fin de semana. O equipo de Gonzalo Fernández desplázase a A Estrada para enfrontarse ao CD Estradense. Equipo que o xogador choqueiro define coma “un equipo moi físico, cun ritmo alto de xogo e moi bo a balón parado e con boa transición ofesiva. É un equipo moi solidario”. Un rival que se atendemos ás estadísticas, parece que se lle da ben ao plantel vermello, máis Caloi non fai caso dos números porque “é unha Terceira tan igualada que non sabes que che depara cada partido”.

O que sí ten seguro é que “fóra os partidos son moi complicados”. Novo Municipal, un campo no que xa xogaron a pasada tempada e no que se alzaron coa vitoria. Unha vitoria que Caloi pensa que pasa por “facer o noso partido. Temos que ser os protagonistas e levar o noso estilo ao límite intentando dominar o xogo e minimazr as virtudes do rival; se facemos esto penso que temos moitas opcións de gañar, do contrario sufriremos moito, evidentemente”.

O Domingo ás 16.45 horas o CD Choco disputará esta séptima xornada na que os de Gonza intentarán continuar pola senda da vitoria como viñan facendo nas últimas xornadas.