O xogador xa está integrado na disciplina do equipo redondelano.

Fran Monroy incorporábase esta semana á disciplina do equipo sénior. O xogador que destaca pola súa versatilidade na posición de ataque, como extremo ou dianteiro, amosábase moi contento “de formar parte do Choco. Esta oportunidade que me están a dar é inmensa; estou moi agradecido”, declaraba na súa presentación como novo xogador choqueiro. De feito, para Fran o equipo non lle é descoñecido nin dende fóra nin dende dentro “pois tiven a posibilidade de pasar unha semana enteira co equipo antes de que se pechase o meu contrato, vendo cómo era o grupo, e a verdade e que as primeiras impresións xa foron moi boas”. O pasado domingo Fran acudiu como un espectador mais a Santa Mariña para ver o equipo en acción, nesta ocasión nun partido fundamental para os intereses choqueiros ante un rival directo, o CD Ribadumia “penso que o equipo estivo moi ben, de feito, remonta un partido no que os tres puntos eran claves, logo dunha xeira na que non eran capaces de sumar de 3 en 3 e nunha liga tan cortiña os puntos son os que che dan a vida”.

Escasez goleadora parecía que tiña o equipo até a xornada pasada; aspecto que se intenta reforzar coa chegada de Monroy ao equipo vermello “oxalá aporte goles porque é algo que todos os equipos queren e ansían e eu tamén a nivel de xogador”. Tamén experiencia pois son varios anos nos que Fran compite en esta categoría, recén chegado do Bembibre, Monroy pasou polo Alcorcón onde disputou minutos co primeiro equipo na Segunda División, no Arousa, Somozas, Ordes, ou no Arenteiro.

Agora e a súa etapa no CD Choco, un equipo que se de algo pode presumir é de vestiario “dende o primeiro sentínme moi arroupado e cómodo”.