Importante partido para as aspiración choqueiras

Encontro de infarto é o que nos agarda este domingo ás 17.00 horas en Santa Mariña. O CD Choco recibe a UD Ourense nun partido trascedental para as aspiracións choqueiras, logo de colleitar dúas derrotas nas últimas xornadas.

Falamos cun recén chegado as filas choqueiras, Fran Monroy quen nos asegura que está moi contento e que pensa que “ter un bo vestiario sen dúbida é algo polo que nos caracterizamos e grazas a isto a adaptación foi rápida”.

Intentamos analiazar co xogador as causas destes últimos malos partidos do equipo e sinala que “o calendario tan atípico que estamos a ter esta tempada parece que nos está a pasar máis factura do normal. Cando entramos nunha boa dinámica somo o único equipo da Liga ao que fan descansar, e aínda que non son excusas, nin moito menos, son cousas que afectan”. O que non sabemos aínda é se afectan ao vestiario a nivel emocional e polo tanto logo dunha semana adestramentos cómo afrontan o partido “o vestiario é consciente da importancia deste partido polo que estamos a adestrar con moito ritmo e temos ganas de volver a amosar o bo xogo ao que estamos acostumados”. E teñen unha nova oportunidade para facelo este domingo ante a UD Ourense “un gran rival”, coméntanos Fran “un equipo que leva xa varios anos facendo as cousas moi ben. Esta tempada parece que optou por outro estilo de xogo, máis combinativo que será o que propoñan este domingo”. Cada un co seu estilo, a súa esencia e a necesidade de puntuar “necesitan tanto os 3 puntos coma nós e que sen duda algunha penso que vai ser un partido que se decidirá por pequenos detalles”.

Polo tanto para Fran a clave do partido estará no “control do balón, en contrarrestar o seu xogo  e aproveitar as ocasións que teñamos. Fundametal será non cometer os mesmos erros das pasadas xornadas porque os pagamos moi caros”. O xogador asegura que será un atractivo partido “moi disputado” onde se verá un CD Choco “que loitará para que os tres puntos queden na casa”.