O míster do CD Choco, Gonza, segue a configurar o plantel da próxima tempada en busca dun equipo competitivo.

Os días corren e entrementres Gonzalo e Óscar seguen inmersos na configuración do plantel que competirá a próxima tempada na Terceira División. E o fan coa incorporación no vestiario choqueiro, do lateral dereito, Guillermo de Francisco, Guille, xogador procedente do CD Pontellas. O xogador, na súa presentación, amosábase moi “contento por vir a este gran club” e xa de primeiras recalca as gañas que ten “de comezar logo de tanto tempo sen poder xogar”, refiríndose á crise sanitaria na que aínda estamos inmersos.

O xogador asegúranos que non dubidou a hora de firmar polo club redondelano porque “se a proximidade foi un factor importante”, Guille é de Vigo, “o que me fixo decantarme foi a referencia que teño do club, faláronme moi ben del e porque é un equipo moi afianzado na Terceira División”.

Ata o momento é a última das incorporacións a un vestiario do que coñece a Félix e Mario e a sabendas do trato familiar que caracteriza o club no espera outra cousa que “sexamos unha piña e vaiamos todos a unha”. Isto dentro pero unha vez no campo Guille sabe que “tereime que gañar o posto e para elo darei o cen por cen en cada partido e adestramento; pero obviamente sei que vai ser moi complicado pero hai que intentalo sempre”. E con esta competitividade chega a Santa Mariña, onde espera vivir grandes momentos “desexo que sexa unha tempada moi bonita tanto para mín coma para o equipo, e podamos facer grandes cosas”.

Aínda coa incertidume de como será a competición e cando dará comezo, Guille afirma que “todo o que veña terémolo que coller con gañas e facelo o mellor posible”.