O Domingo ás 16.15 horas no Campo A Regueiriña o CD Choco enfrontase ao CD Arenteiro.

Praza complicada a que visitan este Domingo os de Gonzalo Fernández. A Regueiriña acolle o partido entre o CD Arenteiro, líder da clasificación, con 23 puntos e dous partido menos; e o CD Choco, quinto clasificado con 18 puntos.

Iano, xogador co que falamos esta semana, prevee un partido “moi competido, creo que vaise a ver un gran partido” e que son dous equipos da parte alta da táboa.

O CD Arenteiro leva dúas xornadas sen xogar polo que é un aspecto que o xogador guineano quere “aproveitar para intentar traer os tres puntos para Redondela”, aínda que non se fía polo potencial do equipo rival. Mais apela a motivación do seu equipo logo de recuperar a semana pasada a senda da vitoria ao gañar por 3-1 ao CD Ribadumia; “levábamos moito tempo sen gañar un partido e isto é unha situación moi complexa para calquera equipo. A vitoria do domingo pasado dounos moito optimismo para afrontar os partidos que nos quedan, nos que intentaremos sumar xa que é o que nos permitirá manternos nos postos altos da clasificación”; explica o xogador.

Aínda que manteñen o obxectivo de salvar a tempada para Iano “o noso equipo é moi bo;  penso que deberíamos estar no segundo ou terceiro posto mais non sei que pasa pero as cousas non nos están a sair de todo ben, razón pola cal estamos a traballar duro, adestrando moi ben durante a semana para obtener a recompensa os fins de semana”.

Iano Simón, que chegaba polo mes de agosto a España para integrarse á disciplina choqueira, recoñece que “estou moi feliz no equipo. É a miña primeira experiencia en España e aínda que tiven que adatarme ao tipo de fútbol que se practica aquí, os meus compañeiros axudáronme moito e agora xa estou adatado ao cen por cento”. E que Iano convertiuse nunha peza clave da maquinaria choqueira. Xa viviu a experiencia de marcar vestido de vermello mais é algo que ansía volver a facer e por que non esta fin de semana contra o Arenteiro “vou intentar facer gol para axudar ao meu equipo, aínda que tamén se o fai algún dos meus compañeiros estarei igualmente feliz porque o importante é conseguir os tres puntos”.