Mañá, domingo, ás 17.00 horas o CD Choco enfréntase ao RC Villalbés, un encontro que se presenta “complicado” recoñece o adestrador vermello.

Esta semana o equipo choqueiro desprázase a terras lucenses para enfrentarse ao R.C Villabés, encontro que se disputará o domingo 13 ás 17.00 horas no campo local de  A Magdalena.

Se votamos unha ollada á clasificación, unha das probables lecturas sexa que o equipo de Gonza puidera partir como favorito, máis o adestrador é consciente da dificultade do encontro e non se fía “o partido desta fin de semana é moi complicado. É unha saída difícil xa que eles son moi fortes, ao que hai que engadirlle a viaxe, que sempre afecta”, asegúranos o adestrador do CD Choco. Gonza teno claro “temos que intentar impoñer a nosa idea e achegar o partido aos nosos intereses”.

 O conxunto lucense actualmente ocupa o duodécimo posto despois de dúas victorias, un empate e catro derrotas a última, pola mínima, colleitada a pasada semana ante o CD Pontellas. Pola súa parte o CD Choco é o terceiro equipo da táboa clasificatoria con dezaseis puntos logo de cinco victorias, un empate e unha derrota.

 Pero os números en ocasións amósanse caprichosos sen entender de tempos. 90 minutos terán os choqueiros para recuperar as boas sensacións despois da primeira derrota do equipo redondelano a pasada xornada ante o Silva SD por 0 goles a 2. Con respecto a este partido, o adestrador choqueiro afirma que está contento “sobre todo coa primeira parte porque creo que fixemos todo o posible para gañar”. E entón… ¿onde estivo o erro? “non estivemos finos sobre todo nos derradeiros metros, cousa que nos penalizou de cara á portería rival a pesar de que sabíamos que non podíamos ceder nada de forma fácil. De feito, a única vez que pasaron de medio campo, dímoslle un saque de banda que non deberíamos, o balón vai a córner e fan gol”. E aínda que o equipo fixo todo o posible pola remontada “a ansiedade por lograr o empate ou a victoria non nos permitiu manter a calma”, recoñece Gonza.

Se ben é certo que tódalas derrotas son amargas, quizá a perda do liderato engadiulle un pouco máis de sinsabor, aínda que o plantel choqueiro sempre tivo claro que éstas chegarían “somos concientes de que chegarán épocas moito peores da que estamos agora mesmo, pero hai que seguir loitando, confiamos moito no día a día, en cómo adestra este equipo e en o que vai a mellorar. Razóns todas elas polas que estamos tranquilos”. E a verdade, e que teñen motivos para non perder o sorriso, pois soamente son dous puntos os que separa ao bloque redondelano do Ourense CF e da SD Compostela, ámbolos dous con 18 puntos. Razón suficiente para adestrar durante toda a semana “igual de ben que tódalas anteriores” nos comenta Gonza, ao que engade “o equipo adestrou moi concentrado e de maneira moi intensa. Non hai queixa. Todo o mundo quere mellorar e facer ben as cousas porque todos sabemos que temos algúns aspectos que correxir e mellorar”.

O equipo redondelano partirá de cara ao mediodía do domingo hacia Vilalba.