Adestrador e xogador analizan o empate ante o UD Ourense

Unha semana máis o CD Choco volvía a salvar o partido da xornada cun gol en tempo de desconto. Nesta ocasión o autor Alberto Suárez máis parte do mérito de Caloi tal como nos explica Suárez en rolda de prensa “no gol tanto mérito teño eu como Caloi que tivo a templanza no pase, e eu só tiven que empurrar o balón, pero sí estou contento polo gol pero sobre todo porque sirve para que o equipo sume un punto e siga mantendo o nivel que estamos mostrando”.

1-1 foi o resultado final dun partido competido no que se mantivo un alto ritmo dende o inicio e a intensidade foi ‘in crescendo’. Avisaban primeiro os ourensás cun tiro que obrigou a Cortegoso a empregarse a fondo baixo paos, despexando o coiro co pé. Un comezo quizáis un poco dubitativo por part dos de Gonza, pero que tras esta primeira ocasión “comezamos a entrar máis no partido e a xerar situacións de gol”, comenta Alberto. E quizáis fora no mellor momento do plantel choqueiro nesta primeira metade cando chegou o primeiro da tarde, coa firma de Tiago. “Concedimos un gol que non deberíamos, penso que lle dimos demasiadas facilidades a UD Ourense para que se puxese por diante e neste novo contexto de partido eles estiveron moi cómodos polo que era moi compricado empatar e máis remontar o partido”, afirma Gonza adestrador redondelán. De novo, e unha xornada máis tocaba remar coa marea en contra, pero lonxe de aminorarse o plantel vermello seguiu confiando até que chegou o tanto de empate. Unha segunda parte na que o CD Choco foi dono do partido “xogamos os 45’ en campo rival entrementes eles agardaban a coller algunha transición. Tivemos varias ocasións dentro do área até que chegou o gol”. Un punto que sabe a vitoria, a pesar de que Alberto pensa que “se alguén mereceu gañar foi o CD Choco porque fumos dominadores do encontro no que mantivemos en todo momento a nosa proposta aínda que houbo momentos nos que nos costou porque son un equipo agresivo”.

A pesar do empate e no minuto que se acadou, no vestiario hai sentimentos encontrados porque tal e como nos comenta Gonza “estamos nese momento nos que nos costa gañar partidos pero todo chega. Levamos tres xornadas sen perder e hai que seguir traballando e remando para intentar que sexa este domingo o día no que academos a primeira vitoria da segunda volta”. Idea refrendada polo xogador que asegura que “as vitorias chegarán”.

O técnico amosábase contento no só con equipo e cos dezaseis convocados senón con “os que non xogan porque sempre axudan, porque é un equipo que segue a creer no que fai e en como o fai”. Ao final hai que pensar que o punto colleitado do empate ante o UD Ourense é un pasiño máis de cara o obxectivo do equipo que é o da permanencia “é un punto menos que nos falta para a consecución da permanencia, se ben é certo que neste tramo dos 30 puntos ao Choco sempre lle costou un pouco máis superalo porque estamos nun momento onde todolos equipos empezan a xogarse todo”.

Dende hoxe comezarán a preparar o vindeiro partido, ante o Estradense “que está nunha boa dinámica e vamos ter que facer as cousas moi ben”. Con este novo punto o CD Choco sitúase na oitava praza con 34 puntos.