Os equipos xuvenís do CD Choco e UD Nespereira enfrentáronse nun partido homenaxe en memoria do xoven xogador Bieito que perdeu a vida nun accidente de tráfico o pasado verán en Redondela.

Hai momentos nos ca vida preséntacha a súa cara máis amarga e así o fixo cos familiares e amigos de tres xóvenes redondelanos cuxa vida quedou truncada nun accidente de tráfico o pasado mes de maio. Entre eles estaba Bieito, un xoven xogador de 18 anos que militara dende a categoría benxamín até xuvenís no clube choqueiro, sendo na temporada pasada cando decidira cambiar as cores polos do clube de Nespereira .

Na tarde de hoxe os seus antigos compañeiros, e amigos, de ámbolos dous clubes recordaron a Bieito facendo o que máis lle gustaba ao xoven,  xogando ao fútbol. Un emotivo partido no que a rivalidade quedou nos vestiarios e o sentimento primou en cada unha das xogadas, ante a emocionada mirada dos que quixeron arroupar á familia dende as bancadas, que foron moitos.

Ao final do encontro os equipos recibiron un trofeo, que seguro será o máis especial que obteñam na súa carreira deportiva, e que ao final de acto regalaron á familia. O presidente do CD Choco, Iván Crespo, entregaríalle ao pai de Beito unha placa do clube como recordo da homeaxe ao igual que fixo o presidente do equipo local. Ademáis, os capitáns dos equipos obsequiaron tamén á familia con senllas camisetas asignadas, cada unha delas, por todo o plantel.

O acto finalizou cunha foto de familia de todolos xogadores e directivos dos dous clubes, e familiares de Bieito, nunha instantánea na que Bieito tamén estivo presente.

Ata sempre, compañeiro!