A derrota pola mínima ante o Choco supón unha freada para as aspiracións dun Alondras que non consegue abandonar a zona baixa da táboa clasificatoria de Terceira División. Nas dez primeiras xornadas de Liga os cangueses unicamente lograron dúas vitorias, un pobre balance que debe ser mellorado para evitar pasar apuros ao longo da tempada. «Temos que reaccionar, pero primeiro hai que pensar só no Arenteiro. A idea é facerse forte en casa, porque é o que nos vai a permitir estar tranquilos a nivel clasificatorio», afirma o adestrador branquivermello, que asume que «para saír de aí hai que gañar partidos». Antonio Fernández recoñece que a derrota en Redondela «supón un pau, pero non fixemos os méritos suficientes e se non xogas ben é complicado conseguir bos resultados».
Na súa opinión o equipo alcanzou un rendemento alto nos duelos fronte a Racing de Ferrol, UD Ourense, Compostela e Arousa, «e ese é o espello no que habemos de mirarnos». O problema, sinala, «é que se cadra nos falta esa confianza para que non nos queime o balón nos pés, para tentar cousas». A decepción é maior no técnico xa que a picada prodúcese «despois da mellor semana de adestramentos do que vai de tempada. Non se se foi o cambio de horario ou que, pero non foi un bo partido. Demos un paso atrás en canto a sensacións e iso preocúpame, porque ves ao equipo de dez, en condicións de competir, e logo non rendemos ben». Con todo, Antonio Fernández apunta que o duelo na súa primeira parte «era de cero a cero. O gol de Gabri foi demasiado castigo. Non estivemos concentrados para coller ese rexeite e a partir de aí puxéronllenos as cousas costa arriba».
Na segunda metade o lavercas tivo as súas opcións de igualar, pero o técnico dos cangueses admite que o Choco tamén puido sentenciar en varios contragolpes. «Non se se o empate fose máis xusto. O certo é que eles estiveron máis acertados e nós non tivemos solvencia co balón no primeiro tempo», afirma. O conxunto cangués buscará agora a reacción nas próximas semanas, nas que terá enfronte a escuadras de menos nomee como Arenteiro, Laracha e Racing Vilalbés, aínda que algunha delas está a completar boa campaña, como é o caso das dúas primeiras. «O encontro contra o Arenteiro é transcendental. Vexo ao equipo ben, pero non temos esa efectividade que mostrabamos o ano pasado», razoa Antonio Fernández, que segue dándolle voltas ao mal partido de Redondela. «O mediocampo, que é sobre o que sostemos o noso modelo de xogo, non estivo ben, pero tampouco en bandas ou arriba. É un deses malos días, pero non estamos en condicións de regalar nada nestes momentos», sentenza.

(fonte Faro de Vigo)